Monday 13 de May de 2024

Propoñen o irmandamento de Ordes cos municipios mexicanos de Veracruz e Puebla en torno á figura de Isabel Zendal en 2018


Ángel Maldonado, rexedor terceiro de Veracruz, visitou da man da Agrupación Socialista de Ordes a localidade de Parada, parroquia da que era orixinaria Zendal, para recoller información sobre a enfermeira

Ángel Maldonado Rodríguez, rexedor terceiro do Concello de Veracruz (México) polo Partido Verde e secretario xeral da Asociación de Rexedores de México, visitou esta mañá Ordes convidado pola Agrupacións Socialista de Ordes para coñecer o fogar natal de Isabel Zendal, enfermeira ordense que foi un dos piares da Expedición Filantrópica do doutor Balmis para distribuír por todo o mundo a primeira vacina contra a viruela. Unha viaxe na que Maldonado Rodríguez aproveitou para recoller información sobre Isabel Zendal e visitar a súa parroquia natal da man do secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira; da voceira municipal socialista e instrutora do expediente de Isabel Zendal como filla predilecta de Ordes, Verónica Gómez, e o historiador Antonio López.

Xesús Pedreira explica que “ensinámoslle a parroquia natal de Isabel Zendal, visitando a igrexa e a pila bautismal onde foi bautizada e a localidade da Grela, onde naceu, ademais de achegarlle toda a documentación histórica recompilada pola Agrupación Socialista de Ordes ao longo dos dous últimos anos para instruír o expediente para nomeala filla predilecta de Ordes”. Un proceso que culminou no pleno ordinario do pasado mes de novembro, cando Zendal foi nomeada filla predilecta do Concello de Ordes por acordo unánime.

Antonio López explicoulle a Maldonado que non se dispón da partida de nacemento de Isabel Zendal xa que naceu un ano antes dos primeiros rexistros escritos sobre veciños e veciñas de Santa María de Parada. De todos modos, achegoulle múltiple documentación que demostra que Ordes é a súa vila natal. Así mesmo, explicoulle a razón de por que nalgúns rexistros aparece como Cendal, Celdam ou Zendala, como é coñecida en México. “Nesa época, cun 80% de persoas iletradas, non era factible que os redactores dos documentos lles preguntaran aos veciños se o apelido ía con “c”, “z” ou “s”, simplemente escribían como lles soaba”, explicou Antonio López.

Irmandamento

Previamente, Maldonado foi recibido na Casa do Concello de Ordes polo alcalde José Luís Martínez Sanjurjo, a quen explicou que o motivo da viaxe “nace de la lucha del sindicato de enfermeras de Veracruz, que quieren que sus estudios se conviertan en licenciatura y que enarbolaron como bandera la figura de Isabel Zendal (Isabel Zendala en México), pues entró a México por el puerto de Veracruz y fue la que puso las primeras vacunas, por lo que cuando descubrimos que era originaria de Ordes quisimos ponernos en contacto con su pueblo natal”.

Así, Maldonado indicou que “sería bonito hermanar las ciudades claves en la historia de esta extraordinaria mujer: Ordes, el lugar donde nació; Veracruz, donde entró a México y vivió varios años; y Puebla, donde vivió hasta su muerte”. Así mesmo, o rexedor mexicano puxo unha data para este irmandamento: 2018, coincidindo co quinto centenario da fundación da vila de Veracruz polo conquistador español Hernán Cortés .

O alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, indicou que “acollemos de bo agrado a visita do representante do Goberno de Veracruz e agradecemos a iniciativa do Partido Socialista de Ordes de poñernos en contacto pois penso que hoxe demos xa o primeiro paso para ese irmandamento en torno á figura de Isabel Zendal. Esperamos que sexa algo produtivo para que a figura desta filla predilecta de Ordes sexa aínda máis recoñecida”. Ademais, explicoulle que darán o seu nome ao futuro centro sociocultural de Ordes.

Martínez Sanjurjo fíxolle entrega a Ángel Maldonado dunha reproducción do Concello de Ordes e un primeiro exemplar dun folleto informativo sobre a figura de Isabel Zendal, así como da insignia do Concello, que lle foi colocada polo secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira.

Pola súa banda, a voceira municipal socialista, Verónica Gómez, amosouse moi satisfeita de que “o traballo para poñer en valor a figura de Isabel Zendal comece a dar os seus froitos pois estamos falando de que Ordes, un municipio duns 13.000 habitantes, vaise irmandar con Veracruz, que ten máis dun millóns de habitantes, e Puebla, que tamén supera o millón de habitantes e cuxa área metropolitana supera os tres millóns de persoas”. “Que o traballo que realizamos dende a Agrupación Socialista de Ordes chegase tan lonxe e abra múltiples posiblidades de colaboración entre estes tres municipios é algo para estar orgullosos”, conclúe Verónica Gómez.

Antes de desprazarse a Ordes, Maldonado visitou o Concello de Santiago, onde foi recibido polo alcalde Martiño Noriega e co voceiro municipal socialista, Francisco Reyes. Ángel Fernando Maldonado Rodríguez é o rexedor terceiro do Cabildo de Veracruz (equivalente a concelleiro). É responsable das áreas de Comercio, Mercado, Centrais de Abasto e Rastro, Fomento Agropecuario, Saúde e Asistencia. É presidente da Asociación de Rexedores do Estado de Veracruz e secretario xeral da Asociación de Rexedores de México, que agrupa a máis de 18.000 concelleiros. Licenciado en Comunicación e Políticas, foi xogador profesional de fútbol en clubs como Veracruz e Puebla.

Isabel Zendal, nada na parroquia de Santa María de Parada, foi a única muller que participou na Expedición Filantrópica do doutor Balmis para distribuír de xeito gratuíto a primeira vacina contra a viruela por todo o mundo. Está recoñecida pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e México considéraa a primeira enfermeira da historia da saúde pública do país, onde dende 1975 dá nome á medalla ao mérito en enfermería “Isabel Cendala Gómez”, así como á Escola de Enfermería de San Martín de Texmelucan (Puebla).